lunes, 28 de mayo de 2012

UN HOME DE SILVOSO


  Rigor Mortis era un tipo alto e escuchimizado, como non podía ser doutro xeito. Non alomenos con ese nome, que non era o seu nome, como é de supoñer.
Rigor Mortis movíase pasesiño, parecía sempre que andaba a buscar unha razón para facer o seguinte movemento. Fitaba moi serio a quen falaba con el, e no fondo do seu ollar había dúas ou tres razóns para sentir un chisco de desacougo.
Estudara canto gregoriano na coral de Silvoso, lembrada por ser a única coral de canto gregoriano que houbo en Silvoso desde que existía este coma tal ou podíase atopar noticia. A pesar disto sabía cantar gregoriano con bastante xeito, cun toque blues se se quere, pero con non querer xa estaba.
Non era raro atopalo, os sábados, na carballeira do Antelo (Antelo era un pirado que dicía ser o dono da carballeira), sentado rente unha das árbores e cantando gregoriano. A xente que viña do toxo ou iba botar as veigas dicía: “Mira, aí está o Rigor Mortis a cantar gregoriano” porque a xente sabía como se chamaba o canto grazas a coral. Rigor Mortis cantaba, serio e seco coma un vimbio e botaba fóra os seu males e cando baixaba ao pobo viña un pouco máis ledo, un anaco máis home.
Andivo facéndolle ás beiras un tempo á filla da Chosca, pero non o viu claro (a filla, e moito menos a nai). Facíaselles raro un home que mantiña un alcuño que lle puxera o cura vello. A meirande parte, por non dicir todos, os alcuños do cura vello (que botou a vida alcuñando á vila enteira) pasaron a mellor vida cando o fixo o propio cura. Pero Rigor Mortis non quixo perder o seu nome, dicía que se sentía ben con el, costáballe moito mudar despois de tanto tempo, coma se non fose quen de sair dun molde, entumecido. Disque os nomes falan dun mellor cun mesmo. O caso é que Rigor, como acabaron por chamarlle os amigos, tiña clara de que caste estaba feito. Testán coma el só, acabou solteiro porque nos veráns, en troques de ires as verbenas dos contornos, púxose a pasear turistas polo río nunha gamela que lle comprou ao Penas. Pasaba as tardes todas levando á xentiña polo río arrriba e abaixo, que tiñas que coñecelo ben para non bater coa barca nas rochas e ademáis afastarte das pozas. Cando chegaba á noite o Rigor estaba mallado coma un polbo é só quería durmir coa ventá aberta, para acordar co canto dos paxaros. Levábase moi ben consigo mesmo e non lle importou que os outros fose ennoivando e máis tarde casando e despois engordando, mentras el seguía polo seu carreiro, fraco coma espicho.
Entrou a traballar na cetárea de Cobas por recomendación dun seu curmán que sempre mirara polo rapaz e que era un dos poucos aos que aínda respondía el cando o chamaba polo seu nome da pila. Iba ao choio nuha vella vespino que tiña máis remendos ca unha actriz de setenta en jolivú. A súa forma de desenvolverse no traballo pódese definir mellor se un escoitou algunha cousa algunha vez sobre os exércitos de Esparta. Nunca faltaba ao seu posto porque nunca estaba enfermo. Nin sequera no ano da gripe, cando morreron sete persoas no pobo e houbo case oitenta hospitalizados. Foi tanto o que axudou no tempo que tiña libre que a xente da vila fíxolle unha homenaxe cando rematou aquela vaga que tanto dano fixera. Aquel langrán que estaba en todas partes facendo mandados, levando cousas, traendo víveres, baleirando o lixo, muxindo ás vacas, carrexando mediciñas, abrindo e pechando os regos, cortando a herba... e sin rosmar un laído, estoico e calado, foi o heroe que precisaban todos nese tempo en que tanta falla fan os homes heroicos.
Rigor Mortis, o pelo xa entrecano, enrrugas nas meixelas, leva dous anos traballando en Berna. Din que fuixiu para aló sen pensalo moito cando botaron á metade da xente da cetárea, pero el non tiña motivos para fuxir. Porén, cando os de Silvoso din que un dos seus fuxiu: 1) é que non desexaban que marchara 2) é que non souberon cómo facerllo saber. Na vila podíase subsistir co que daba a terra e, no seu caso, cos case dous anos de paro que lle correspondían.
Polas limpas e delicadas rúas de Berna, cun frío que fai tremer as gañas de calquera cousa, leva de paseo Rigor Mortis a súa saudade de galego na lúa de Suiza.